A Asociación A Creba pon en marcha unha iniciativa ocupacional cofinanciada polo FEMPA e a Xunta de Galicia para poñer en valor as capacidades das persoas con problemas de saúde mental grave e crónica.
Desde a Asociación Saúde Mental A Creba arrancamos co proxecto “VIDAS SEN MARCO” (Núm. de expediente PE155A-2026-00042), unha iniciativa que nace co firme obxectivo de dar visibilidade e integrar de forma activa no tecido comunitario de Noia ao noso colectivo.
O nome do proxecto reflicte a nosa filosofía: non queremos encerrar o labor que fan as persoas usuarias cara a dentro das nosas instalacións, nin establecer un “marco” social ou institucional que restrinxa o seu papel a centros pechados. Buscamos unha inclusión real e o recoñecemento dos seus dereitos como cidadáns activos.
Para logralo, o proxecto articúlase a través de dúas accións principais en Noia:
- Taller de Enmarcado: Un espazo onde as persoas usuarias, co acompañamento dunha monitora, asumen de xeito regular (4 días á semana) todas as fases do oficio de enmarcar, desde a atención ao cliente e o corte de molduras ata a montaxe final e a xestión económica.
- Espazo Comercial e de Exposición (Tenda): Unha canle permanentemente aberta ao público en Noia para a comercialización directa de produtos artesanais de alta calidade elaborados nos nosos obradoiros (coiro, costura, bordado e artesanía).
O proxecto Vidas sen Marco ten un Orzamento Total de 46.956,57 € e a Subvención concedida por parte do FEMPA e a Xunta de Galicia é de 34.882,64 €.
Actuación cofinanciada polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) nun 70 % e nun 30% pola Comunidade Autónoma de Galicia.



0 Comments